BLOG DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CEIP ISAAC DÍAZ PARDO

domingo, 2 de decembro de 2012

RECOLLEITA DE CANTARES DE REIS


Chega o Nadal e con el o tempo das panxoliñas e dos cantos de Reis.
Esta fermosa tradición, tan propia antano do Nadal en Galicia, consiste en ir na noite do 5 de xaneiro de casa en casa cantando os Reis e pedindo o aguinaldo.
Se ben esta era unha tradición propia do ámbito rural, para recuperala e achegar ao noso centro  este ancestral costume do Nadal propoñemos esta actividade:





OS CANTOS DE REIS




Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ao longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para montar a festa. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os CANTARES DE REIS ou aguinaldos.

Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.

Case a totalidade dos Cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño o cal tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida.

Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “Reiseiros” na que se pedía permiso ou licencia para cantar na casa. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban finalizar cunha de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obter o aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban a danzar ós da casa.

Estes tipos de cantos son melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con multitude de mordentes e adornos propiciados pola gaita. Conforman un estilo propio de canto, guturais, pisando os finais de estrofa cos comezos. Polas letras e melodías destes cantos percíbese que son de corte culto. Moitos deles teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo.

A meirande parte deles son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua. Outras veces se a casa onde se cantaba era de “señoritos” entón trocábase nos cantos o galego polo castelán, para agradar aos anfitrións.

Os cantos de Reis eran interpretados por cuadrillas ou xugadas de homes, mozos e nenos que recorren as casas dando a boa nova cantando. Estes grupos de Reiceiros compóñense dun gaiteiro e dun ou varios cantores e incorporan, ocasionalmente, percusión e instrumentos varios, sobre todo instrumentos denominados humildes (botella de anís, cunchas, paos, piñas, etc.) que eran os que se podían atopar facilmente nas aldeas.

Aí tedes un par de exemplos:




 ANIMÁDEVOS   E  PARTICIPADE  NA   RECOLLEITA   2012/13
 ( pregúntalle ao teu titor/a)




Ningún comentario:

Publicar un comentario