BLOG DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CEIP ISAAC DÍAZ PARDO

martes, 11 de decembro de 2012

12/12/12


Centenario 
do
 nacemento
De
 Celso Emilio ferreiro

Dende o ENDL do CEIP Isaac Díaz Pardo querémonos sumar á iniciativa que,  ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés  Celso Emilio Ferreiro,  propoñen desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) .


http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.php


Deixámosvos unha pequena mostra da súa obra:



Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...



Moraima

Xaneiro, 1972 II
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando é noite pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.




Ningún comentario:

Publicar un comentario