BLOG DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CEIP ISAAC DÍAZ PARDO

mércores, 24 de abril de 2013

Día Internacional da Concienciación respecto ao Ruído 2013

Dende hai máis de 15 anos, o último mércores do mes de abril celébrase o Día Internacional de Concienciación sobre o Ruído, co propósito de promover o coidado do ambiente acústico, a conservación da audición e a concienciación sobre as molestias e danos que xeran os ruídos.


Xa non podemos aceptar que o ruído sexa un produto "natural" do desenvolvemento tecnolóxico, e en consecuencia débese regular e controlar.

O ruído, como outros axentes contaminantes, produce efectos negativos no ser humano, tanto fisiolóxicos coma psicosomáticos, e constitúe un grave problema ambiental e social. A loita contra o ruído é unha acción individual e colectiva. O ruído non o fan só os demais, senón que o facemos todos.


A loita contra o ruído precisa, polo tanto, da concienciación e colaboración cidadás, así como dunha implicación decidida e eficaz das administracións competentes, cunha lexislación e normativas axeitadas.

O obxectivo da celebración deste día é alertar aos cidadáns dos perigos que causa o ruído, como por exemplo trastornos físicos, perdida de audición ou desequilibrios psicolóxicos, e á vez dar a coñecer as diferentes formas de reducilo.

Este día celebrouse por primeira vez o 24 de Abril de 1996, como parte dunha conferencia local organizada pola "Liga de Persoas con Problemas Auditivos" da Cidade de Nova York, é parte das actividades dun programa internacional no que participan cidades dos Estados Unidos, Canadá, Europa e Asia, co fin de alertar os cidadáns dos perigos do ruído e as formas de reducilo no ambiente circundante.

A "contaminación acústica" é un fenómeno que vai en aumento e é un problema importante, sobre todo nas cidades con alto nivel de industrialización ou densamente poboadas. A causa principal é a actividade humana: o transporte, a industria, a construción de edificios e as obras públicas.

Por iso, o ruído é considerado como un dos contaminantes máis agresivos. É un elemento distorsionador que invade o ambiente que nos circunda producindo unha deterioración na calidade de vida. Tamén é causa importante de trastornos físicos (perdas de audición) e desequilibrios psicolóxicos.
A Sociedade Española de Acústica invita este día a todos os centros escolares a desenvolver actos que axuden a crear unha mentalidade respectuosa co medio acústico, e propón "60 segundos de Silencio", ás 12 horas, para que cada un poida percibir o ambiente sonoro que o rodea.


FALADE BAIXIÑO!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario