BLOG DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CEIP ISAAC DÍAZ PARDO

mércores, 1 de maio de 2013

1 de maio

Hoxe, 1 de maio, é o Día Internacional dos Traballadores, un día de recoñecemento mundial ao movemento obreiro. Normalmente, este día soe ser aproveitado por traballadores e sindicatos para reivindicar avances nos dereitos sociais da clase traballadora. Non obstante, non todo o mundo coñece a orixe desta celebración, polo que neste artigo explicaremos a orixe do Día Internacional dos Traballadores.


A súa orixe remóntase ao ano 1.886, curiosamente nos Estados Unidos, un país que no século XX nunca destacou pola súa loita obreira. A reivindicación dos traballadores era una xornada laboral de 8 horas, co obxectivo de distribuír as 24 horas do día en 8 horas para o traballo, 8 horas para o lecer e 8 horas para o descanso.  Este dereito estaba recoñecido legalmente, pero era incumprido sistematicamente polos empresarios estadounidenses.

O 1º de maio de 1.886, 200.000 traballadores foron a folga para reclamar o dereito á xornada laboral de 8 horas. Outros 200.000 acadaron a súa reclamación so coa ameaza de folga. A folga tivo como consecuencia a morte dun policía e dun gran número indeterminado de manifestantes. Ademais, 8 dos principais responsábeis da folga foron xulgados, dos cales un foi condenado a 15 anos de traballos forzados, 2 foron condenados a cadea perpetua, e 5 foron aforcados.

Entre os condenados a morte, estaba o xornalista que publicou a seguinte proclama reivindicativa no “Diario dos Traballadores”:

Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse ós obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza!
¿Quen poderá dubidar xa que os chacais que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ó terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria.
Se se fusila ós traballadores, respondamos de tal xeito que os amos o recorden por moito tempo.
É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!.
Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde...
¡Secade as vosas bágoas, os que sufrides!
¡Tede coraxe, escravos! ¡Levantádevos!.

Finalmente, os traballadores acadaron o seu obxectivo da xornada laboral de 8 horas, e a loita dos traballadores no 1º de maio de 1.886 é aínda lembrado a día de hoxe polo movemento obreiro mundial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario